Wednesday 15 de May de 2024

Oito combates formarán a quinta Velada de Boxeo Cidade de Riveira


A cita puxilística terá lugar o día 25 de marzo na Fieiteira

O Complexo de A Fieiteira será escenario o vindeiro sábado 25 de marzo da quinta edición da Velada de Boxeo Cidade de Riveira que, organizada pola escola El Canario, dará cabida a partir das 22 horas a oito combates para conferir visibilidade no noso entorno a este deporte.

Para presentar o evento estiveron hoxe no Consistorio Local Israel Benítez como responsable de El Canario e Anxo Orellán como concelleiro de Deportes, así como algúns dos deportistas locais que participarán no certame: Mara Montemuíños, Paula López, José Antonio Sobrado, Andrés Muñiz e Ángel López.

As entradas pódense adquirir anticipadamente por 9 ou 7 euros (en cadeira e grada, respectivamente) en Podium Sport, Natural Sport e La Bodega. O día da velada costarán un euro máis. Ademais da Escola El Canario participaran outros catro elencos galegos: Club de Lucha de Noia, Abuelo Box de Santiago, Thunder de Marín e Rebouras Team de Vigo.

Seis masculinos e dous femininos
Tres dos deportistas locais debutarán ese día: Mara Montemuiño, que se medirá con Lorena Touriño de Marín; Paula López, que combatirá con Talía Muiño de Noia; e José Antonio Sobrado, que pelexará con Marcos Guasch, de Noia. Tamén se subirán ao ring outros tres membros de El Canario: Andrés Muñiz (contra Jonatan Rodríguez de Vigo), Ángel López (contra Yoelbis de Noia) e Rubén Pérez (contra Javier Amoedo de Marín). Ademais haberá outros dous combates protagonizados por deportistas foráneos: Rubio de Santiago contra Brais Pérez de Vigo e Ramiro Brey de Santiago contra Javier Araujo de Vigo.

Tanto Paula López como José Antonio Sobrado manifestaron a súa intención de ofrecer un bo papel e de dar espectáculo nun deporte que combina dureza e nobreza.

A organización agarda superar o medio cento de asistentes.